miércoles, 8 de enero de 2014

Tras los pasos de los peregrinos en el Camiño Miñoto-Ribeiro (Diario de la Universidad de Vigo)




Eduardo Muñiz | Pontevedra
Invadido pola maleza nalgúns puntos e somerxido no esquecemento noutros atópase na actualidade o camiño Miñoto-Ribeiro, unha antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela desde o sur da provincia de Ourense. Un camiño que a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública do campus de Pontevedra e a Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro pretenden poñer en valor a través do proxecto Pegadas, co que tentan recompilar, coa colaboración da xente da zona, todo tipo de información sobre unha ruta na que no seu día se levantaron hospitais e lazaretos, xa que era o camiño polo que as persoas enfermas de lepra viaxaban a Compostela, como relata a súa coordinadora, a profesora Lourdes Maceiras.

"Mobilizar á xente dos concellos polos que pasa a ruta, fomentar a investigación arredor do camiño Miñoto-Ribeiro e dar un paso máis cara a súa legalización como unha ruta xacobea oficial" son, explica Maceiras, os obxectivos principais desta iniciativa. Posto en marcha o pasado Nadal, este proxecto, que se estenderá ata Semana Santa, conta coa colaboración dos 16 concellos polos que a ruta discorre; Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Santiago de Compostela e o municipio portugués de Melgaço.

Coa idea de reunir “todos eses datos que teña a xente da zona e que non son recollidos a nivel oficial polos historiadores”, pero si transmitidos de forma oral de xeración en xeración, relata Maceiras, os responsables de Pegadas no Camiño Miñoto-Ribeiro convidan á veciñanza a recoller calquera tipo de información sobre a ruta: lendas, contos, cantigas, fotos, refráns, anécdotas, historias de camiñantes, informacións sobre ruínas, igrexas... Ademais, grazas á implicación dos centros de ensino destes municipios, búscase tamén a participación do estudantado, ao que se convidou a falar coas persoas máis vellas da familia e tomar nota dunha serie de testemuños que, co paso do tempo, “vanse perder”, advirte Maceiras. Toda a información recompilada pode ser presentada tanto nos concellos participantes como nos propios centros de ensino, así como remitida á Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, con sede na Facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra.

De Compostela a Compostela

As referencias sobre o camiño recollidas por colectivos como a Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro permiten trazar a ruta pola que circulaban os peregrinos séculos atrás desde o seu remate na capital de Galicia ata un lugar do concello de Lobios chamado precisamente Compostela. “Podería seguir máis alá e continuar por Portugal", engade Maceiras, aínda que, polo de agora, non dispoñen de datos que permitan prolongar este mapa.

Trátase ademais dunha ruta “na que houbo moito movemento” no pasado e que posúe tamén certa importancia desde a óptica da Medicina, salienta Maceiras. Non en van, trátase dun “camiño de augas mineiro-medicinais”, arredor da que existiu no seu día día unha “importante concentración de hospitais” para a atención dos peregrinos, como os creados pola orde de San Xoán de Xerusalén en Ribadavia ou Padrenda. Así mesmo, tamén se atoparon na súa contorna "abondosos vestixios de lazaretos", o que leva a esta profesora a concluír que esta ruta polo sur de Galicia era a empregada polas persoas enfermas de lepra, “que non podían viaxar polo camiño francés” ata Santiago de Compostela.

Arte en peregrinación

A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública tamén promove nestes meses un segundo achegamento a esta ruta de peregrinación, a exposición colectiva itinerante Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro, que desenvolve conxuntamente co colectivo Medicina e Arte, formado por un grupo de médicos e médicas vinculados ao mundo das artes plásticas. Preto de 40 obras, cuxa temática xira arredor do camiño, conforman esta mostra comisariada por Maceiras, coa que se pretende contribuír a “dar a coñecer o enorme potencial natural, paisaxístico e patrimonial das terras polas que transita” a través da pintura, a fotografía ou a escultura.

Despois de que este colectivo realizase unha primeira exposición en Ribadavia no ano 2009, o propósito de levar estas obras polos diferentes municipios que atravesa esta ruta de peregrinación retomouse o pasado verán, “cando o Concello de Cortegada fixo unha feira de artesanía na que o eixo era o camiño Miñoto-Ribeiro”. Trala súa exhibición neste municipio ourensán, a colectiva pasou en agosto ao municipio de Cortegada, en setembro ao de Leiro e en novembro ao de Padrenda. Está programado que neste mes de xaneiro Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro se traslade ata Lobios para logo, en febreiro, continuar a súa viaxe cruzando a fronteira e chegando ata Castro Leboreiro, unha freguesía do municipio luso de Melgaço. De feito, o obxectivo dos organizadores é que as obras manteñan a súa viaxe nos próximos meses: “A idea é que a exposición faga o camiño”, salienta Maceiras.