Eduardo Muñiz | Pontevedra
Invadido pola maleza nalgúns puntos e somerxido no esquecemento noutros atópase na actualidade o
camiño Miñoto-Ribeiro,
unha antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela desde o sur
da provincia de Ourense. Un camiño que a Área de Medicina Preventiva e
Saúde Pública do campus de Pontevedra e a Asociación Camiño Xacobeo
Miñoto-Ribeiro pretenden poñer en valor a través do proxecto
Pegadas,
co que tentan recompilar, coa colaboración da xente da zona, todo
tipo de información sobre unha ruta na que no seu día se levantaron
hospitais e lazaretos, xa que era o camiño polo que as persoas enfermas
de lepra viaxaban a Compostela, como relata a súa coordinadora, a
profesora Lourdes Maceiras.
"Mobilizar á xente dos concellos polos que pasa a ruta, fomentar a
investigación arredor do camiño Miñoto-Ribeiro e dar un paso máis cara a
súa legalización como unha ruta xacobea oficial" son, explica Maceiras,
os obxectivos principais desta iniciativa. Posto en marcha o pasado
Nadal, este proxecto, que se estenderá ata Semana Santa, conta coa
colaboración dos 16 concellos polos que a ruta discorre; Lobios,
Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade,
Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Santiago de
Compostela e o municipio portugués de Melgaço.
Coa idea de reunir “todos eses datos que teña a xente da zona e que non
son recollidos a nivel oficial polos historiadores”, pero si
transmitidos de forma oral de xeración en xeración, relata Maceiras, os
responsables de
Pegadas no Camiño Miñoto-Ribeiro
convidan á veciñanza a recoller calquera tipo de información sobre a
ruta: lendas, contos, cantigas, fotos, refráns, anécdotas, historias de
camiñantes, informacións sobre ruínas, igrexas... Ademais, grazas á
implicación dos centros de ensino destes municipios, búscase tamén a
participación do estudantado, ao que se convidou a falar coas persoas
máis vellas da familia e tomar nota dunha serie de testemuños que, co
paso do tempo, “vanse perder”, advirte Maceiras. Toda a información
recompilada pode ser presentada tanto nos concellos participantes como
nos propios centros de ensino, así como remitida á Área de Medicina
Preventiva e Saúde Pública, con sede na Facultade de Fisioterapia, no
campus de Pontevedra.
De Compostela a Compostela
As referencias sobre o camiño recollidas por colectivos como a
Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro permiten trazar a ruta pola que
circulaban os peregrinos séculos atrás desde o seu remate na capital de
Galicia ata un lugar do concello de Lobios chamado precisamente
Compostela. “Podería seguir máis alá e continuar por Portugal", engade
Maceiras, aínda que, polo de agora, non dispoñen de datos que permitan
prolongar este mapa.
Trátase ademais dunha ruta “na que houbo moito movemento” no pasado e
que posúe tamén certa importancia desde a óptica da Medicina, salienta
Maceiras. Non en van, trátase dun “camiño de augas mineiro-medicinais”,
arredor da que existiu no seu día día unha “importante concentración de
hospitais” para a atención dos peregrinos, como os creados pola orde de
San Xoán de Xerusalén en Ribadavia ou Padrenda. Así mesmo, tamén se
atoparon na súa contorna "abondosos vestixios de lazaretos", o que leva a
esta profesora a concluír que esta ruta polo sur de Galicia era a
empregada polas persoas enfermas de lepra, “que non podían viaxar polo
camiño francés” ata Santiago de Compostela.
Arte en peregrinación
A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública tamén promove nestes meses
un segundo achegamento a esta ruta de peregrinación, a exposición
colectiva itinerante
Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro,
que desenvolve conxuntamente co colectivo Medicina e Arte, formado por
un grupo de médicos e médicas vinculados ao mundo das artes plásticas.
Preto de 40 obras, cuxa temática xira arredor do camiño, conforman esta
mostra comisariada por Maceiras, coa que se pretende contribuír a “dar a
coñecer o enorme potencial natural, paisaxístico e patrimonial das
terras polas que transita” a través da pintura, a fotografía ou a
escultura.
Despois de que este colectivo realizase unha primeira exposición en
Ribadavia no ano 2009, o propósito de levar estas obras polos diferentes
municipios que atravesa esta ruta de peregrinación retomouse o pasado
verán, “cando o Concello de Cortegada fixo unha feira de artesanía na
que o eixo era o camiño Miñoto-Ribeiro”. Trala súa exhibición neste
municipio ourensán, a colectiva pasou en agosto ao municipio de
Cortegada, en setembro ao de Leiro e en novembro ao de Padrenda. Está
programado que neste mes de xaneiro
Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro
se traslade ata Lobios para logo, en febreiro, continuar a súa viaxe
cruzando a fronteira e chegando ata Castro Leboreiro, unha freguesía do
municipio luso de Melgaço. De feito, o obxectivo dos organizadores é que
as obras manteñan a súa viaxe nos próximos meses: “A idea é que a
exposición faga o camiño”, salienta Maceiras.